Entrevista a Patricia Casas

Patricia Casas Vázquez naceu na Coruña en 1983. É licenciada en Dereito e actualmente está a estudar Filoloxía Hispánica na Universidade da cidade herculina.
Teselas de cidade, é a súa primeira novela e con ela acadou o III Premio Biblos-Pazos de Galicia. O xurado que lle outorgou o premio estivo composto polo gañador da anterior edición, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblos, Tucho Calvo, e a profesora e escritora Helena Villar, que foi a titora de Patricia Casas na última fase da escritura da súa novela.
Entrevista a Patricia Casas por Arantxa Serantes
1)¿Cómo decidiches presentarte ao certamen Biblos- Pazos de Galicia?
A verdade é que foi un pouco por casualidade. Un día, na Facultade, vin un papel coas bases do Premio e, como xa levaba algún tempo coa idea na cabeza, decidín presentarme.
2) ¿Foi esta a túa primeira incursión dentro do mundo literario ou xa escribiras con anterioridade?
Si, aínda que escribir ca escribía, esta é a primeira vez que publico algo.
3) ¿Poderías resumir cómo foi a túa experiencia: creación da novela, estancia no pazo, etc?¿Cómo transcurriron os teus días alí?
A estancia no Pazo foi moi tranquila. Tiven o luxo de poder adicar todo o meu tempo á novela, algo que non en moitas ocasións tes a posibilidade de facer. Falaba por Internet con Helena, quen opinaba e titorizaba a miña novela.
4)¿Cómo valoras o asesoramento da túa titora no eido literario?
Estou moi contenta porque en todo momento estivo interesada polo meu traballo. Sempre respectando as miñas decisións, opinaba e comentaba todo o que non lle convencía. Foi un proceso de intercambio de ideas.
5) ¿Por qué o título Teselas de cidade?
Porque a novela está composta por pequenos momentos van encaixando un con outro. En certa medida, é a técnica do mosaico a que empreguei para escribir a obra: ir encaixando unha peza coa outra para acabar formando un mosaico que é a propia novela.
6) As historias que relatas se entrelazan nun entorno urbano e cotiá, ¿nacen de experiencias vividas ou son froito da observación?
As dúas cousas. O meu entorno é sempre unha fonte de inspiración e máis nesta novela na que o que quería era que o lector tivese a sensación de que estaba dando un paseo polas rúas da Coruña. Pero ao mesmo tempo é certo que cando alguén escribe unha obra está poñendo algo seu na mesma e que a súa experiencia vital forma parte, consciente ou inconscientemente, da mesma.
7) Ao teu xuízo, ¿qué pode aportar a túa novela ao panorama literario galego?
Non sei. Son aínda nova e teño moito por aprender. Pero supoño que o que aporto, o mesmo que cada un dos escritores, é a miña maneira persoal de ver o mundo e de contar as historias.
8) ¿Qué libros ou autores tes como referente?¿Hai algún/s que influíran no teu xeito de escribir?
O meu libro favorito é Jane Eyre, de Charlotte Brontë e gústame moito a literatura escrita por mulleres como Virxinia Woolf, Cristina de Pizán, Emily Brontë ou Teresa Moure. Supoño que no que influíron estas autoras foi no meu desexo de deixar claro en todo momento que a voz que narra a historia é unha voz feminina.
9) ¿Cres que debería haber máis oportunidades como a que ti tiveches para dar a coñecer a novos valores?
Por suposto que si. É difícil conseguir publicar unha novela e a oportunidade que ofrece Biblos, no só coa publicación senón con todo o que o premio leva consigo, paréceme unha boa maneira de iniciar á xente nova no mundo literario.